No ano 1924, José Lourenzo Ribadulla e a súa muller, Rita Miranda, seguramente debatían sobre o destino duns aforros que ela pretendía foran para comprar unha finca de 80 ferrados anexa á súa casa da Charola, en Cespón, que xa tiña unha superficie de 120 ferrados, mentres que o seu home defendía a idea de construír un barco de carga para dedicarse ó transporte de mercadorías. Seguramente a Rita, pese a non saír adiante a súa idea, lle encantou que o Balandro que mandou construír Xosé levara o nome de CHAROLA en honor a casa onde ela nacera e onde vivían os dous.
Así foi como nese mesmo ano 1924 José lle encarga a dous mozos ben novos, José Forján do Freixo e Manuel Places do Chazo, a construcción dun balandro de dous paos que sería construído en Pedra de Sar, lugar de Cespón. Os carballos empregados no barco procedían da carballeira da finca da Charola. Tanto para Forján como para Places, esta etapa da súa vida foi determinante: durante a construcción deste balandro, coñecerían a dúas mozas do lugar das que se namoraron e cas que mais tarde se casarían. Tamén foi vital profesionalmente para ámbolos dous pois a construcción deste navío supuxo un desafío onde poñer en práctica os seus coñecementos: era este o primeiro traballo onde os mozos facían de mestres e seguramente as diferencias nas técnicas constructivas de dúas escolas de carpinteiros como foron o Chazo, en Boiro, e o Freixo, na Serra de Outes, deron ó traste ca sociedade e o navío foi rematado por Manuel Places. Os dous chegaron a ser grandes mestres e desenvolveron a súa actividade en ámbalas dúas marxes do río Beluso, onde tiñan os seus estaleiros. Quizais Manuel Places estea máis presente na memoria colectiva do pobo por construír no ano 1959 o famoso buque de cabotaxe LA BELLA OTERO con 33 m. de eslora, 7,5 m. de manga e 350 tm. de desprazamento, aínda que as páxinas mais destacadas da construcción naval en Boiro foron escritas no Chazo polo gran mestre Francisco Places Fernández pai de Manuel.
O ACHAROLA@ foi inscrito no rexistro co folio 300 da 2 lista de Vilagarcía, como un balandro de dous paos de 14,50 m. de eslora, 4,80 m.de manga, 1,53 m. de puntal e 25,31 toneladas de rexistro bruto. Con propulsión a vela, desprazaba en máxima carga 63 tm.e tiña unha capacidade de carga baixo cuberta de 44 tm.
Ricardo Herbón, armador e veciño de Cespón, faloume de D. José María Miranda García que foi membro da tripulación do Charola e que, ós seus 83 anos, conta emocionado as fazañas deste navío patroneado por Juan Lorenzo Miranda (Juan da Charola), fillo de Xosé e Rita, quen, coas súas habilidades, facía que o barco se recordara aló polos anos corenta e principios dos cincuenta como o mais veloz e intrépido da comarca. Aínda que esto tiña os seus riscos, como aconteceu un martes de carnaval en San Vicente do Mar onde por pouco non o contan ó regresar de levar un cargamento de ladrillos e volver, seguramente, cun cargamento de algunha copa de máis que se saldou ca rotura do temón e algún que outro bordo e, por suposto, unha boa rifa do armador.
Dedicábase ó transporte de pinos, ladrillo, adoquín e cemento. Os fretes, ás veces de máis de corenta toneladas, eran entre portos como Moaña, Corcubión, Bueu, Pontevedra, Marín e Vigo, entre outros. O primeiro libro de pago de salarios da ACaja Nacional@, que data do ano 1934 e ata o ano 1954, ano no que o buque cambiou de dono, pon de manifesto o interese do armador por cumprir as normativas laborais. Así, aparecen no mesmo ano ata seis tripulantes enrolados e despachados correctamente e, aínda que pasou por períodos de inactividade, os anos 1936, 1937 e 1938 foron os de menos actividade rexistrada o cal resulta lóxico, tendo en conta a circunstancia da guerra.
Comparativamente, resultan curiosos os excesivos gastos de despacho dos anos corenta e cincuenta; por exemplo, no ano 1951, un gasto de despacho en Corcubión custou 263,62 ptas. Con epígrafes tan sorprendentes como Aderechos obvencionales de salida e de entrada@, o documento non ten desperdicio e pon de manifesto os abusivos impostos do réxime cheos de vericuetos legalistas. Pero o que realmente sorprende, era que os custes de despacho anotados no libro de gastos de abordo eran superiores ós realmente pagados, o cal pon de manifesto as prácticas de suborno obrigado, que en moitos casos eran da mesma contía que o propio despacho.
No ano 1954, o Charola foi vendido a D.Gumersindo Paz Aznar. Ó sacar este dato da folla de asento, non deixo de recoñecer que ten miga o dos apelidos deste veciño de Vilagarcía, que lle instalou un motor de 34 cv. da Marca Womag.
No ano 1959 pasou a ser propiedade de D. Guillermo Besada Bravo, veciño do Grove quen o da de baixa na inscrición marítima para convertelo en viveiro flotante de mexilloeiras co folio 73 do distrito do Grove co nome de AMANOLITO@.
En fin, para un descendente dos marabillosos clippers, non sei se sería un bo final, pero se temos en conta que contribuíu ó despuntar dun dos sectores máis importante de Galicia, quedámonos un pouco máis aliviados.
Quero agradecer a Pepe Toucedo, amante do mar e das embarcacións tradicionais, dono dunha fermosa dorna que adorna a praia da Ladeira no Chazo, quen me acercou a esta preciosa historia que iniciou seu bisavó e da que se garda algunha documentación e a cuncha ca que se tocaba o corno no Charola nos días de neboeiro. En Pedra de Sar aínda cheira a alquitrán e se nos esforzamos un pouco, non será difícil imaxinar o bater dos calafates e as discusións porque a fasquía do Charola fora a mellor da ría.