Hai ocasións en que esquecer pode ser tan importante como lembrar, mesmo máis difícil. Pero cando falamos de acontecementos que afectan a un pobo, o recordar convértese nun exercicio inevitable porque a historia está ahí precisamente para recordala.
Escoitar ós maiores relatar experiencias pasadas permíteche viaxar no tempo e na memoria: recordar o pasado e reflexionar sobre el axúdanos a ser máis tolerantes e posibilita advertir o risco que produce nestes tempos a nosa carreira por posuír todo sen gozar de nada.
A historia á que quero achegarme nestas páxinas acontece no ano mil novecentos cincuenta e dous. Os cincuenta eran aínda anos duros da dictadura franquista, anos heroicos nos que os alimentos estaban racionados e a loita pola supervivencia, con todo o que iso significa, estaba a flor de pel. Neste escenario non quedaba lugar para a derrota, o que tiña un cachiño de terra aínda menos mal, pero o resto, e sobre todo a xente mariñeira do Cabo da Cruz e Escarabote, pasárono moi mal, ata o extremo de mendigar: co saco ó lombo percorrían quilómetros e quilómetros; outros sobrevivían cambiando o que lles sacaban ó mar por un anaco de boroa, nada que ver co que acontece hoxe… Só medio século despois, nun suspiro da historia, o mar, a nosa ría é a maior xeradora de riqueza e de emprego gracias, entre outras cousas, ó auxe da cría do mexillón.
Naquela época, en Triñans, a praia do “Cardal”, tamén coñecida como o “Ladeira Pequena” (o que é a Poza da Ínsua) era un criadeiro natural de ameixa san e babosa onde pioneiros do marisqueo como Benigno de Ramona tiñan, polos costados da ramalleira e da ínsua, os chamados “depósitos reguladores” onde, en teoría, depositaban os excedentes da ameixa procedente do marisqueo para vender máis tarde, pero que en realidade eran auténticos viveiros que, aínda sen regulación específica, formaba parte desas leis non escritas que as xentes do mar respectaban.
A experiencia dos viveiros da ameixa levou a probar co mexillón e a partir do ano corenta e nove, aproximadamente, os veciños idearon un sistema: simplemente imitaron as primeiras experiencias de miticultura na Ría da Arousa iniciadas por D. Alfonso Ozores Saavedra no Rial anos atrás. Tratábase de pedras colocadas estratexicamente nun cacho de praia, unidas por varas e ó fondo unhas estacas. Alí colocaban a cría do mexillón que medraba de xeito espectacular, chegando a dar dúas colleitas ó ano. Isto convirtiuse nun medio de vida que xeraba riqueza, así que os veciños de Triñans e arredores, nunha improvisada organización liderada por Benigno de Ramona repartiron a praia: da mallante ó fondo da seca estaban os viveiros de ameixa, e da seca ata onde se alcanzara estaban os criadeiros de mexillón que tiñan tres metros de ancho e todo o longo que permitía a marea.
A comercialización estaba solucionada porque se aproveitaban as canles de distribución que tiñan pioneiros da venta da ameixa para Carril como Alfonso o Picarón ou Gerardo o Reinante. Carril exportaba a producción de Triñans para Valencia e outros sitios de España, sendo A Xorda, O Xairo e O Tocho dos mais coñecidos distribuidores de mexillón que xa daquela chegou a comercializarse cocido.
As praias e o mar foron lugares onde a xente cooperou, negociou, compartiu obxectivos comúns, pero tamén onde se loitou e se fixeron as guerras entre veciños.
En Loureda (Cabo da Cruz) a noticia espallouse como un regueiro de pólvora: “na praia de Triñans hai mexillóns coma puños”. Persoas en teoría ilustradas como o mestre D. Perfecto Abalo Real, secretario do pósito e outros parece ser que alimentaron a idea de que a praia era de todos. A xente do Cabo da Cruz xa tiña entón unha escusa e propúxose asaltar os criadeiros de mexillón de Triñans polo que o conflicto estaba servido. Alertado o Axudante Militar de Mariña da Pobra, o Capitán de Corveta D. José Sánchez Beceiro, cos escasos medios cos que contaba, tratou de que a xente de Triñans non baixase á Praia, interceptando o paso nos camiños de acceso. Isto interpretouse como que as autoridades permitían o asalto e roubo do que eles consideraban o seu traballo, xa que por aquelas datas, a confraría non explotaba os recursos marisqueiros e polo tanto non estaba regulada a súa explotación. Pero o que máis molestou ós veciños de Triñans foi o feito de que os propios militares esnaquizaron as estacas e os viveiros de mexillóns: unha vez máis as autoridades dinamitaron a posibilidade de establecer un proceso de dialogo que evitara o conflicto.
Correu o sangue pola area, chegaron por mar e por terra, asaltaron os criadeiros de mexillóns que os de Triñáns defenderon con unllas e dentes. Hoxe poucos queren falar do forcado que lle cravaron a un do Cabo da Cruz ou das hostias e paus que se repartiron na contenda… Dinme que non vale a pena contalo, familias de mozas e mozos que daquela se enfrontaron máis tarde casáronse entre sí… Eu son fillo dunha desas parellas e non me resulta complicado entender, naquel contexto e naquelas difíciles circunstancias, as razóns de cada pobo; quizais o feito de que haxa reticencia a falar disto ten moito que ver ca idea de que no fondo todo puido ser doutro xeito.
Cando esto acontecía xa se había iniciado a expansión das bateas, moitos dos protagonistas desa contenda tiveron acceso a elas, e hoxe, xa regulada a actividade, sobra dicir que os mellores profesionais son aqueles que se forxaron na experiencia dura e difícil daqueles anos.